11 de novembro de 2019

HABILIDADES E COMPETENCIAS SOCIAIS



A sesión do sábado 19 de outubro do Posgrao de Especialización en Orientación Laboral (#POLAB19), versou sobre Habilidades e Competencias Sociais facilitada polo docente José María Rolón Varela, profesor de Psicoloxía Social na Universidade da Coruña. A exposición tivo como puntos clave a asertividade, a empatía e a intelixencia emocional.

  • Desenvolvemento da sesión

A sesión comezou coa definición e obxecto de estudo da Psicoloxía Social e as microcompetencias que se asentan dentro da competencia social: dominar habilidades sociais básicas, respecto polos demais, practicar a comunicación receptiva e expresiva, compartir emocións, asertividade, comportamento prosocial e cooperación, prevención e resolución de conflictos e capacidade para xestionar situacións emocionais.

O docente facilitou a definición de competencia socialsendo esta, o modo en que as persoas nos relacionamos coas demais. A psicoloxía social trata de estudar o comportamento humano en relación con outras persoas; en como as persoas nos comportamos as unhas coas outras. Neste  aspecto as habilidades sociais son un aspecto fundamental.

Posteriormente, o docente realizou unha dinamización a través da pregunta: “Que é unha conduta socialmente habilidosa?” para impulsar unha choiva de ideas entre o alumnado


Seguindo a Caballo (1986), a conduta socialmente habilidosa é un conxunto de compartamentos emitidos por unha persoa nun contexto interpersoal que expresa os sentimentos, actitudes, desexos, opinións ou dereitos desa persoa, dun modo adecuado á situación, respetando esas condutas nos demáis, e que xeralmente, resolven os problemas inmediatos da situación mentres minimiza a probabilidade de futuros problemas.

Así, a habilidade social é unha característica da conduta, e específicamente, dunha conduta socialmente efectiva. Estas habilidades cambian dependendo da sociedade, xa que existen diferentes expectativas de comportamento social. As habilidades sociais poden ser traballadas desde a infancia e ao longo de toda a vida. 

Por outro lado, o docente explicou diversos formatos de formación e ocio, especialmente a Ted Talks – Ted  Ken Robinson, “cómo as escolas matan a creatividade” e abogou pola necesidade de traballar a educación emocional nestes ámbitos. Os obradoiros de habilidades sociais deberían traballarse de xeito máis frecuente, xa que neles se desenvolven unha serie de comportamentos sociais. Por este motivo, debería terse en conta a necesidade e importancia da educación emocional, especialmente na infancia e adolescencia.

É preciso engadir dentro do sistema educativo asignaturas específicas sobre habilidades comunicativas e educación emocional; aprender a comunicarnos asertivamente, empatizar, contemplar os conflitos como puntos de aprendizaxe e resolvelos por medios pacíficos. Estas asignaturas continúan pendentes dentro da educación formal e son moi importantes para a vida cotiá, para todas as persoas e para mellorar a convivencia familiar e social.

O docente realizou unha investigación sobre que materias se estaban impartindo nas universidades españolas para traballar este tipo de habilidades e os resultados amosan que non existen  asignaturas que preparen nas habilidades e competencias sociais. 

A continuación,  profundizouse en diferentes conceptos:

a) Asertividade

O concepto de asertividade refírese á cualidade de ser asertivo/a, é dicir, unha forma de comunicación que consiste na defensa dos propios dereitos, de expresar as propias opinións e realizar suxerencias de forma honesta, sen caer na agresividade ou na pasividade, respetando aos demáis pero sobre todo, respetando as propias necesidades.


Recomendou a lectura de José Luis Bimbela, “Cuidando al formador”, o cal se pode descargar en pdf. Este libro versa sobre a importancia de coidar a saúde mental e emocional dos/as formadores/as. 

O obxectivo de ser persoas asertivas é aumentar a efectividade nas nosas relacións, facendo valer o noso propio respecto, conseguir os obxectivos marcados e defender os nosos dereitos como persoas. Todo isto, de forma pacífica, sen empregar a violencia.

Por outro lado, o docente comentou que na nosa cultura os erros son vistos como algo negativo e polo tanto, é necesario facer unha reconceptualización e contemplar os erros como puntos de aprendizaxe. Deste xeito, poderemos traballar diferentes habilidades e competencias e aprender sen medo a equivocarnos.

Realizamos o visionado do curto:  Project Coaching: La asertividad (12 hombres sin piedad), onde puidemos contemplar excelentes exemplos de asertividade.

Logo, continuamos vendo os tres estilos de condutas: a conduta pasiva, a agresiva e a asertiva, mediante a realización dunha dinámica grupal sobre estilos comunicativos, etiquetando fórmulas e condutas illadas en cada un dos estilos.


Ademáis, comprobamos que existen varias trabas, certas fórmulas, especialmente as expresións, que poden ser etiquetadas nun ou noutro estilo dependendo da prosodia e do contexto, polo que esta división pode ser pouco clara.


b)  Comunicación verbal e non verbal



Profundizamos na importancia de realizar unha efectiva comunicación non verbal. Como exemplo púxose o contacto ocular á hora de facer unha presentación fronte a unha audiencia. Dependendo do número de espectadores ou oíntes realízanse diferentes técnicas que propician unha comunicación asertiva e un feedback entre a ponencia e a audiencia. Igualmente, á hora de manter unha conversa informal, é necesario graduar o contacto ocular.  A persoa asertiva é a que compensa os tempos de fixación ocular nunha conversa. A pasiva desvía a mirada e a agresiva clava a mirada excesivamente. É doado dicir que hai que graduar o contacto ocular pero levalo á práctica resulta máis complexo.

O docente continuou coa explicación das etapas do  proceso de aprendizaxe de competencias:


Etapa 1: Incompetencia inconsciente. A persoa non sabe que non sabe algo; non o comprende nin o sabe facer, non recoñece a deficiencia, non ten o desexo de enfrentarse a elo. O docente como exemplo falounos da situación de cando un bebé vai no coche non é consciente de que ten necesidade de conducir. 

Etapa 2: Incompetencia Consciente. A persoa é consciente da necesidade de aprendizaxe pero non practica as habilidades .

Etapa 3:
 Competencia Consciente. A persoa desenvolve unha destreza; comprende ou sabe facer algo. Porén, demostrar a adquisición da destreza require de moita concentración.


Etapa 4: Competencia Inconsciente. A persoa adquiriu a destreza. Ten tanta práctica nesta que lle sae con naturalidade e pode demostrar a súa adquisición sen apenas esforzo. Inclusive podería ser capaz de ensinarllo a outras persoas.
                                      


A educación e socialización diferencial polo feito de ser homes e mulleres afecta á nosa educación emocional e á xestión de emocións e sentimentos. Por iso, é preciso derribar eses imaxinarios e estereotipos colectivos en pro dunha educación que permita comprender, expresar e xestionar consciente e asertivamente os nosos sentimentos e pensamentos.


c) Empatía

Para adentrarnos na definición da empatía, realizamos dous visionados dos curtos “Joy story Joy and Heron” e  “El valor de la empatía".

Posteriormente, realizouse outra choiva de ideas entre o alumnado para compartir as nosas definicións.

Proseguimos coas categorías da empatía:

  • Afectiva: é un sentimento altruísta e prosocial, polo que podemos sentir o que sinte unha persoa (compasión, padecer).
  • Cognitiva: capacidade de ler a mente dos demais e supoñer estados mentais, desexos, crenzas ou intencións.
De seguido, continuamos co visionado dun documental sobre o funcionamento das Neuronas Espello e como poden influír na recuperación da mobilidade de persoas con problemas motrices ( El aleph )

As neuronas espello actívanse cando observamos a outra persoa realizar unha acción (motriz, expresiva, etc.) Por exemplo, dende a psicoloxía, emprégase para a práctica imaxinada. Éstas, tamén xeran empatía.  Por tanto, as emocións contáxianse por este sistema neuronal. O docente comentou que é posible que as persoas con psicopatía teñan dañadas as neuronas espello e por iso non sexan capaces de sentir empatía.

Ademáis, o docente propuxo un exercicio para realizar no noso tempo libre e comprobar que existe unha imitación de condutas. Por exemplo, sorrirlle a unha persoa pola rúa e observar o que acontece.

Por outro lado, en certos cursos de entrevista laboral recoméndanse a imitación de condutas do/a entrevistador/a, sempre que o poidas facer dominando a CNV (fase 4 de aprendizaxe da que xa falamos) para evitar dar malas impresións, xa que se imitamos a alguén de xeito natural, podemos xerarlle boa impresión.




d) Intelixencia Emocional


intelixencia emocional, implica a habilidade para percibir e valorar con exactitude a emoción; a habilidade para acceder e/ou xerar sentimentos cando estes facilitan o pensamento; a habilidade para comprender a emoción e o coñecemento emocional e a habilidade para regular as emocións que promoven o crecemento emocional e intelectual.

O docente faciltou o modelo de Salovey e Mayer (Modelo de IE de 4 ramas) e o modelo de Goleman (competencia persoal e competencia social).

A Intelixencia Emocional inclúe:
  • Percepción: a  habilidade de identificar emocións nunha mesma ou noutras persoas, xunto coa capacidade de expresalas no lugar e modo adecuado. 
  • Facilitación: as emocións sentidas entran no sistema cognitivo como sinais que influencian a cognición e forman un xuízo.
  • Comprensión: como se procesa a emoción e como afecta o emprego da información emocional ós procesos de comprensión e razonamento.
  • Regulación: capacidade de estar aberto/a a estados mentais positivos ou negativos e de reflexionar se a información é útil, sen reprimila.
Proseguimos analizando as distorsións cognitivas a través do estudo de José Luis Bimbela.  As distorsións cognitivas son os filtros mentais que interfiren no proceso de análise de situacións vividas, que habitualmente son irracionais e desadaptativas e que xeran malestar e patoloxías que afectan á nosa vida diaria.

Continuamos cos estilos de atribución de éxitos e fracasos: Locus de control interno (causas internas) e locus de control externo (factores externos que inflúen na nosa vida).

Por último, finalizamos a sesión, coa visualización do curto “El amor sordo” co fin de reflexionar sobre a importancia da comunicación asertiva e das canles axeitadas para que exista unha boa comunicación.





Para saber máis dos temas tratados na sesión, facilitámosvos o wakelet realizado pola compañeira  Patricia da Silva:






  • Enlaces de interés:











Ningún comentario:

Publicar un comentario